Director do Coro da OSG

Joan Company (Sant Joan, Mallorca) é un dos directores con máis presenza nos máis importantes circuítos corais de España. Entre outros, dirixiu o Coro Nacional de España, o Coro de Radio Televisión Española, o Coro da Comunidade de Madrid, o Orfeón Donostiarra e mais o Coro da Camera Italiano entre outros e tamén estreou obras corais de J. Busto, D. G. Artés, J. Domínguez, A. Parera, J. Vila, J. L. Turina, etc., así como obras sinfónico-corais de A. Martorell, J. Martorell e J. Valent.

Tamén dirixiu, entre outras, a Orquestra Sinfónica de Asturias, a Orquestra de Cámara Reina Sofía, a Orquestra Simfònica de Balears, a Joven Orquesta Nacional de España (director asistente en Atlántida de Falla), a Orquestra da Universidade de Portland (Oregón, EUA), a Orquestra Sinfónica de Galicia, a Camerata Anxanum (Italia), a Orpheon Consort de Viena, etc. Ademais, colaborou con directores como: Trevor Pinnock, Víctor Pablo Pérez, Salvador Mas, Josep Pons, Franz Paul Decker, Alberto Zedda, Antoni Ros Marbà, Christopher Hogwood, Miguel Ángel Gómez Martínez, Krzystof Penderecki, N. Santi, Richard Egarr, Eliahu Inbal, Ton Koopman, Jesús López Cobos, Dima Slobodeniouk, Lorin Maazel, etc.

Desde 1999 é director artístico do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, co que preparou un extenso repertorio sinfónico-coral, operístico e a capella. Paralelamente puxo en marcha a escola coral coa creación dos Nenos Cantores0) y del Cesevor otros (2000) e do Coro Novo (2005). Así mesmo é o director fundador da Coral Universitat de les Illes Balears (1977), coa que conseguiu importantes recoñecementos artísticos ao longo destes corenta anos: creación de dez coros filiais, premios en concursos corais (Tolosa, Atenas), actuacións nas principais salas de concerto españolas e en importantes festivais de Europa e América, colaboracións con importantes orquestras españolas e europeas, gravacións discográficas, etc.

Licenciado en Historia Xeral, estudou dirección coral con P. Cao, M. Cabero e O. Martorell. Profesor de música de Instituto (primeiro da súa promoción, en 1985). Traballa na Universitat de les Illes Balears (UIB) como director da Coral e da Partituroteca e Centro de Documentación Musical da UIB; é tamén fundador dos Cursos Internacionais de Música da UIB (1977) e das Colonias Musicales de Verano nas Baleares (1995). Publicou numerosos estudos e artigos sobre música e músicos das Baleares en libros, enciclopedias e revistas especializadas. Co grupo Poema Harmònic (filial da CUIB), gravou a Misa de Pau Villalonga (+1609), primeiro mestre de capela da Catedral de Mallorca. 

Recibiu, entre outros premios, o Premio Rotary Mallorca (1995-96) e o Premio Rotary Ramon Llull (2011), polo «extraordinario labor pedagóxico e divulgativo da música coral», e o Premi Gabriel Alomar 2001 da Obra Cultural Balear. 

Recentemente, dirixiu no Palau de la Música Catalana O miradoiro (para Coro e Orquestra) de Josep Vila, invitado polo Festival Internacional de Cant Coral de Barcelona.