Roberto González-Monjas

Moi solicitado tanto como director de orquestra como pola súa faceta de violinista, Roberto González-Monjas estase a impoñer rapidamente no panorama internacional. Un líder musical nato cunha forte visión e claridade, posúe unha mestura única de notable carisma persoal, grande enerxía, entusiasmo e intelixencia feroz. Recentemente Roberto foi nomeado director musical da Orquestra Sinfónica de Galicia, cargo que ocupará a partir de setembro de 2023. Este nomeamento recoñece a longa relación de Roberto coa orquestra máis importante de España e fortalece a súa colaboración, así como o seu forte compromiso cos seus programas educativos. Roberto tamén é director titular e asesor artístico de Dalasinfoniettan en Suecia (desde a temporada 2019/20); director titular de Musikkollegium Winterthur en Suíza (desde a temporada 2021/22); principal director convidado da Orquestra Nacional Belga (desde a temporada 2022/23); e director artístico de Iberacademy en Colombia.
 
En Winterthur inicia un tríptico programático de tres anos inspirado nas tres últimas sinfonías de Mozart, que inclúe concertos con András Schiff, Joyce DiDonato, Yeol Eum Son e Lisa Batiashvili, así como representacións da obra A Creación de Haydn, a estrea mundial de Fragments of Enligtenment de Andrea Tarrodi e a estrea europea do Concerto para clavecín de Caroline Shaw. Roberto tamén se embarcará nunha xira de doce concertos polo Reino Unido e Bélxica xunto coa Orquestra Nacional Belga e Paul Lewis.
 
Os seus recentes debuts como director convidado deron lugar a novas invitacións e importantes debuts como as súas colaboracións coa Mozarteumorchester de Salzburgo e a Camerata de Salzburgo, a Mahler Chamber Orchestra, a Orchestre National Bordeaux Aquitaine, a Orchestre National d'Île-de-France, a Filharmónica de Luxemburgo, a Lahti Symphony, a Verbier Festival Junior Orchestra, a Hong Kong Philharmonic, a Baltimore Symphony, a Swedish Radio Symphony Orchestra, a Oslo Philharmonic, a Orchestre Nationale Capitole Toulouse e mais a Music in PyeongChang entre outras.
 
Roberto comezou a súa carreira como violinista solista, director de orquestra e músico de cámara, e presentouse como tal nos festivais de Salzburgo, Grafenegg, Lucerna, Verbier e Lockenhaus. Colabora frecuentemente con cantantes e instrumentistas como Ian Bostridge, Yuja Wang, Rolando Villazón, Hilary Hahn, Andreas Ottensamer, Alexander Lonquich, Lisa Batiashvili, Fazil Say, Reinhard Goebel, Thomas Quasthoff, András Schiff e Kit Armstrong.
 
Apaixonado e dedicado á educación e á formación de novas xeracións de músicos talentosos, Roberto cofundou Iberacademy (Academia Orquestral Iberoamericana) xunto co director Alejandro Posada. Esta institución ten como obxectivo crear un modelo eficiente e sustentable de educación musical en América Latina, centrándose nos segmentos vulnerables da poboación e apoiando a mozas e mozos músicos de gran talento. Se ben ten a súa sede en Medellín (Colombia), tamén funciona en Bolivia, Perú, Chile e Cuba, para lles brindar aos seus e ás súas estudantes oportunidades que mudan a súa vida. Na mesma liña de traballo, Roberto embarcouse máis recentemente nunha xira europea coa orquestra Sinfonía polo Perú e o tenor Juan Diego Flórez, con concertos nos festivais de verán de Salzburgo, Lucerna e Gstaad. Roberto tamén desempeña o seu traballo como profesor de violín na Guildhall School of Music & Drama e é mentor e director regular das orquestras de cámara e sinfónica da Guildhall School no Barbican Hall de Londres.
 
Cun repertorio impresionantemente ecléctico e amplo, algúns dos proxectos emblemáticos de Roberto inclúen a gravación de serenatas de Mozart coa Mozarteumorchester de Salzburgo, a interpretación do Concierto para violín de Esa Pekka Salonen coa Orchestre Nationale D'Île de France, a unión do Musikkollegium Winterthur, Iberacademy e oitenta mozos bailaríns para varias representacións da obra A consagración da primavera de Stravinski, ademais da estrea do Concerto para violín Colorfields de Richard Dubugnon e da presentación dunha nova posta en escena do Réquiem de Mozart co director de escena Stéphane Braunschweig na Ópera de Bordeos, só por nomear algúns dos devanditos proxectos. A variedade de estilos e intereses de Roberto tamén se amosa nas súas últimas gravacións para Claves Records, con obras de Mozart, Schoeck, Stravinski, CPE Bach e Saint-Saëns co Musikkollegium Winterthur. Roberto é colaborador frecuente do Berlin Baroque Soloists e contribuíu como solista no seu lanzamento en Sony Classical dos Concertos de Brandeburgo de Bach dirixidos por Reinhard Goebel.
 
Roberto foi concertino da Orchestra dell'Accademia Nazionale di Santa Cecilia durante seis anos e como director do Musikkollegium Winterthur ata o verán de 2021. Toca un violín Giuseppe Guarnieri «filius Andreae» de 1710 que amablemente lle prestaron cinco familias de Winterthur e a Fundación Rychenberg.