Víctor Pablo Pérez

Víctor Pablo Pérez

Víctor Pablo Pérez, nado en Burgos, realizou os seus estudos musicais no Real Conservatorio de Música de Madrid e mais na Hochschule für Musik de Múnic.

Sinalado desde os seus comezos como un dos grandes e precoces valores españois no campo da dirección de orquestra, entre os anos 1980 e 1988 foi director artístico e titular da Orquestra Sinfónica de Asturias e entre 1986 e 2005 director artístico e titular da Orquestra Sinfónica de Tenerife, agrupación que se converteu rapidamente nun referente no panorama musical español.

En 1993 toma as rendas da Orquestra Sinfónica de Galicia, labor que leva a cabo ata agosto de 2013, e consegue nese período un recoñecemento unánime polo nivel de excelencia acadado polo conxunto.

Colabora decote co Teatro Real de Madrid, o Gran Teatre del Liceu de Barcelona, o Festival Mozart da Coruña, e actuou nos festivais internacionais de Música de Canarias, Perelada, Granada, Santander, Schleswig-Holstein, Festival Bruckner de Madrid, Festival de Ópera Rossini, Festival de San Lorenzo de El Escorial e Quincena Musical de San Sebastián.

Ademais de dirixir habitualmente a práctica totalidade das orquestras españolas, é chamado como director convidado por diferentes formacións internacionais como a Orquestra Sinfónica da Hessische Rundfunk de Fráncfort, a Sinfónica de Berlín, a Sinfónica de Múnic, a Sinfónica de Dresde, a Royal Philharmonic, a Filharmónica de Londres, a Orchestra del Maggio Musicale Fiorentino, a Orchestra dell’Accademia Nazionale di Santa Cecilia di Roma, a Orchestra Sinfonica Siciliana, a Orchestra Sinfonica Nazionale della RAI de Roma, a Orchestra Sinfonica di Milano Giuseppe Verdi, a Orquestra Nacional de Lión, a Orquestra Nacional do Capitolio de Toulouse, a Sinfónica de Xerusalén, a Orquestra Nacional de Polonia, a Sinfónica de Helsingborg e mais a Sinfónica de Trondheim.

Dirixiu grandes solistas de renome internacional como Krystian Zimerman, Grigori Sokolov, Arcadi Volodos, Leif Ove Andsnes, Paul Lewis, Rafał Blechacz, Frank Peter Zimmermann, Julian Rachlin, Leónidas Kavakos, Anne-Sophie Mutter, Midori, Gil Shaham, Nikolaj Znaider, Sarah Chang, Arabella Steinbacher, Gidon Kremer, Maksim Vengérov, Renée Fleming, María Bayo, Ainhoa Arteta, Natalie Dessay, Nathalie Stutzmann, Ewa Podles, Vesselina Kasarova, Fiorenza Cedolins, Inva Mula, Plácido Domingo, Rolando Villazón, Carlos Álvarez, Josep Bros, María José Moreno, Ann Murray ou Manuel Barrueco.

Entre os galardóns que obtivo destacan o Premio Ojo Crítico de Radio Nacional de España (1990), Premio Ondas (1992 e 1996), Premio Nacional de Música (1995), Medalla de Ouro ás Belas Artes (1999), Director Honorario da Orquestra Sinfónica de Tenerife (2006), Director Honorario da Orquestra Sinfónica de Galicia (2013), Fillo Adoptivo da cidade de Santa Cruz de Tenerife e da Illa de Tenerife, Medalla de Ouro do Gobierno de Canarias, Académico correspondente das Reales Academias de Bellas Artes de San Fernando (Madrid) e Nosa Señora do Rosario (A Coruña).

Desde setembro de 2013 é director artístico e titular da Orquestra e Coro da Comunidade de Madrid.