CORO DA ORQUESTRA SINFÓNICA DE GALICIA

Joan Company, director

O Coro da OSG, fundado no ano 1998, deu o seu primeiro concerto o 21 de marzo do mesmo ano xunto coa Escola de Práctica Orquestral da OSG e baixo a dirección de James Ross. Actualmente, o coro está integrado por máis de setenta voces procedentes de toda Galicia. Desde a súa fundación o Coro da OSG desenvolveu unha intensa actividade artística centrada nos repertorios sinfónico-coral, operístico e a capella. Joan Company, vinculado como director do grupo desde a súa fundación, é ademais director artístico do proxecto coral da Sinfónica de Galicia no que, ademais do Coro da OSG, se atopan o Coro Novo e mais os Nenos Cantores.

A primeira xira de concertos fóra da comunidade galega levou o Coro ao Auditorium de Palma de Mallorca. Desde aquela participou en varias edicións do Festival Mozart da Coruña, no Festival de Ópera, no Festival de Música da Coruña; nos ciclos de concertos Música en Compostela, O Son das Catedrais, Festival Internacional de Órgano Catedral de León así como en diversos escenarios e auditorios da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Pontevedra, Vigo, Ferrol, Ourense, etc.

A finais de 2003, o Coro realizou a súa primeira xira ao estranxeiro, con concertos nas catedrais do Porto e Lisboa. Ademais, actuou por primeira vez en Barcelona acompañado da Joven Orquesta Nacional de España (JONDE) baixo a dirección de Cristopher Hogwood. Tamén cantou no concerto inaugural da temporada 2006-07 da Orquestra Simfònica de Balears no Auditorium de Palma de Mallorca.

No seu extenso e variado repertorio salienta a súa especial dedicación á música sinfónico-coral de Bach, Vivaldi, Haydn, Mozart, Beethoven, Schubert, Brahms, Mahler —con destacadas intervencións nas súas sinfonías nº 2, 3 e 8—, Mendelssohn,, Xostacóvich, Puccini, Fauré, Orff, Debussy, Britten, Garcia Abril, Rossini, Stravinsqui, etc.

Ademais, o Coro da OSG dedicoulle boa parte da súa actividade á ópera, tanto en versións escénicas como en versión de concerto de grandes títulos do repertorio de Mozart, Rossini, Donizetti, Chaikovski, Puccini, Verdi e Wagner.

Tanto en concerto como en escena, o Coro da OSG cantou e actuou sempre baixo a dirección de grandes mestres de renome internacional, como Lorin Maazel, Eliahu Inabal, Ton Koopman, Alberto Zedda, Jesús López Cobos, Víctor Pablo Pérez, Miguel Ángel Gómez Martínez, Richard Egarr, Dima Slobodeniouk, Josep Pons e Ros Marbà.

Ademais de ter a oportunidade de traballar as grandes obras do repertorio baixo a dirección de importantes batutas, os integrantes do Coro da OSG reciben unha constante formación vocal con profesores de recoñecido prestixio. A creación dos Nenos Cantores da OSG en 2000 e do Coro Novo da OSG en 2005 completan un proxecto pedagóxico-coral de longo percorrido co que se garante o futuro vocal en toda Galicia.