Orquestra Sinfónica de Galicia
Creada en 1992 polo Concello da Coruña, cidade en cuxo Palacio da Ópera ten a súa sede, a Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) é unha das agrupacións orquestrais de maior proxección en España ademais dunha marca internacional con seguidores nos cinco continentes a través da súa canle de YouTube.
A OSG, cuxo director titular desde a temporada 2023-24 é Roberto González-Monjas —quen relevou a Dima Sloboddeniouk, titular desde 2013 a 2022—, Víctor Pablo Pérez o seu director honorario e José Trigueros o seu director asociado, foi orquestra residente do Festival Rossini de Pésaro de 2003 a 2005 e do Festival Mozart da Coruña desde a súa creación en 1998. Ademais, a súa presenza nacional e internacional foi constante, con concertos nas mellores salas en España e con varias xiras por Alemaña e Austria. En 2007 realizou unha xira por América do Sur —con concertos en Chile, Arxentina, Brasil, Uruguai e Montevideo—, a finais de 2009 presentouse na histórica sala do Musikverein de Viena e en 2016 ofreceu dous concertos nos Emiratos Árabes.
Tanto para os seus concertos internacionais como para os seus programas de abono, a OSG conta con solistas como Anne-Sophie Mutter, Isabelle Faust, Maurizio Pollini, Krystian Zimerman, Grigory Sokolov, Frank Peter Zimmermann, Maria Joao Pires, Elisabeth Leonskaja, Dmitri Sitkovetsky, Stefan Dohr, Alica Sara Ott, Gil Shaham, Sarah Chang, Leonidas Kavakos, Arcadi Volodos, Mischa Maisky, Javier Perianes ou Christian Lindberg entre outros moitos.
Con ela cantaron Bryn Terfell, Ewa Podles, Plácido Domingo, Juan Diego Flórez, Simon Estes, Leo Nucci, Alfredo Kraus, Teresa Berganza, Mattias Goerne, María Bayo, Ainhoa Arteta, Mirella Freni, Ann Murray, Amanda Roocroft, Ildar Abdrazakov, Hildegard Behrens, Eva Marton, Giuseppe Giacomini, Philip Langridge, Carlos Chausson, Raúl Giménez, Isabel Rey, Carlos Álvarez, Ana María Sánchez ou Giuseppe Sabbatini, e sempre baixo a batuta de mestres como Dima Slobodeniouk —quen foi tamén o seu titular dende 2013 a 2022—, Gutavo Dudamel, Lorin Maazel, Eliahu Inbal, Neville Marriner, Michail Jurowski, Ton Koopman, Guennadi Rozdestvenski, Libor Pesek, Maurizio Pollini, Christoph Eschenbach, James Judd, Stanislaw Skrowaczeski, Richard Egarr, Daniel Harding, Jesús López Cobos, Osmo Vänskä, Alberto Zedda, Yoav Talmi, Raymond Leppard, Carlo Rizzi, Josep Pons, John Nelson, Gianandrea Noseda, Ron Goodwin ou Manfred Honeck entre outros.
Na súa discografía para selos como Deutsche Gramophon, Sony, BIS, EMI, DECCA, Koch, Naïve, BMG e Arts figuran nomes como os de Juan Diego Flórez, Kaori Muraji, Peter Maag, Antonio Meneses, Iván Martín, Manuel Barrueco —con quen foi proposta para o premio Grammy 2007 polo mellor álbum clásico do ano—, María Bayo, Plácido Domingo, Juan Pons ou Ewa Podles entre outros.
A OSG converteu a súa canle de YouTube na máis vista do sector en España e unha das máis visitadas a nivel europeo: con máis de cen mil subscritores os vídeos da OSG superan os trece millóns de visualizacións no último ano desde un total de 227 países. O éxito internacional da súa canle e as retransmisións en streaming HD iniciadas na temporada 14-15 supuxeron a súa proposta para o premio Classical: Next Innovation Award 2015.
A OSG foi premiada coa Medalla de Ouro da Real Academia Galega de Belas Artes e é Premio Cultura Galega da Música 2010.
A OSG está financiada polo Concello da Coruña, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.