A OSG avanza a súa primeira temporada con Roberto González-Monjas como o seu director titular

A OSG avanza a súa primeira temporada con Roberto González-Monjas como o seu director titular e logo de recuperar os niveis de asistencia previos á pandemia, con máis de 45.000 espectadores no último ano

O ciclo de abono 23-24 da Orquestra Sinfónica de Galicia reúne tradición e modernidade nun total de 24 programas e 35 concertos

A celebración do 127 aniversario da morte de Johannes Brahms convivirá con significativas estreas nunha programación na que o proxecto artístico de Carlos Mena e Javier Fajardo para o Coro da OSG cobra protagonismo con ata seis concertos programados

A canle YouTube da OSG vive un dos seus mellores momentos con preto de oito millóns de visualizacións no último ano e con máis de cento sesenta mil subscritores

La temporada de abono 23-24 ya está disponible en formato digital, así como en el calendario de la web y la App de la OSG

A tempada de abono 23-24 xa está dispoñible en formato dixital, así como no calendario da web e na App da OSG

A renovación e venda de abonos comezará na segunda quincena deste mes de xuño

A Orquestra Sinfónica de Galicia ofrecerá 24 programas diferentes e 35 concertos de abono nos que se conmemorará a figura esencial de Johannes Brahms no cento vintesete aniversario do seu pasamento e que convivirá cunha programación que alternará modernidade, na que será a primeira temporada con Roberto González-Monjas como director titular, e o proxecto de Carlos Mena e Javier Fajardo para o Coro da OSG, que cobra protagonismo coa súa presenza en catro programas.

 

A tradición musical centroeuropea que representan figuras como a de Johannes Brahms —do que se han de escoitar todas as súas sinfonías así como a súa Canción do destino para coro e orquestra e o seu Concerto para piano nº 2—, Ludwig van Beethoven, Robert Schumann Franz Schubert, Anton Bruckner ou Gustav Mahler —dos que se escoitarán, respectivamente,  o Concerto para violín, a Sinfonía Renana, Rosamunda, a Sinfonía nº 9 e a Sinfonía nº 6 — convivirá coa presentación de autores e autoras suecos como Anders Hilborg e Andrea Tarrodi con Eleven Gates e Ascent así como a norteamericana Jessie Montgomery e o seu Records from a Vanishing City, e o noruegués Johan Halvorsen.

 

As novas incorporacións e presentacións ao público conviven coas estreas de habituais na programación da OSG, como o galego Juan Durán, que estrea Terra no 40 aniversario do Consello da Cultura Galega, Amargós e o seu título En libertad, o venezolano Pacho Flores e a obra encarga Concerto para clarinete e Jesús Torres co seu Concerto para violín, estas dúas últimas pezas con dous destacados integrantes da orquestra galega, o clarinetista Juan Ferrer e mais o violinista Ludwig Dürichen.

 

Entre a tradición e a modernidade soarán tamén algúns dos grandes autores do século XX, cun repaso á música máis destacada de Xostacóvich, Chaicovsqui, Sibelius, Glazuov, Strauss, Grieg, Dvorák ou Lutoslawsky entre outros e cunha sentida homenaxe á compositora recentemente falecida Kaija Saariaho, na que actuará como orquestra invitada a Real Filharmonía de Galicia co seu novo titular Baldur Göninimann e que interpretará D’om le vrai sens.

 

Ademais de co seu novo titular, que ofrecerá cinco programas, a OSG volverá a contar con Dima Slobodeniouk, con dous concertos, así como tamén co seu director honorario Víctor Pablo Pérez e o seu director asociado José Trigueros.

Á fronte da OSG estarán directores xa habituais —como Andrew Litton, Juanjo Mena, Jaime Martín, Carlos Mena, Christian Vasquez, Andrés Orozco-Estrada, Josep Pons, Vassily Petrenko e Andrés Salado— xunto con aqueles que debutan fronte ao conxunto orquestral, como Jonathon Heyward. A OSG contará ademais con outras destacadas figuras da dirección como Fabien Gabel, Lucas Macías e Stanislav Kochanovsky.

 

Así mesmo, tamén debutará coa OSG un dos barítonos máis destacados do noso tempo, o italiano Andrè Schuen, que cantará os Kindertotenlieder de Mahler, e a soprano Claire Both nas Catro derradeiras cancións de Richard Strauss.

 

A canle de YouTube da OSG é moito máis ca unha marca

Con máis de 163.000 subscritores en todo o mundo, a canle de YouTube da OSG converteuse nestes anos en algo máis ca unha marca que explotar: as preto de oito millóns de reproducións no último ano supuxeron a visualización de máis de cento trinta millóns de horas de gravacións da Sinfónica de Galicia.

 

Segundo as métricas da canle, os Estados Unidos, España, México, a Arxentina, o Xapón, Chile, Italia, Francia, o Brasil, Colombia e o Perú son os dez países con máis visualizacións, seguidos por Corea do Sur e Alemaña. Por cidades, Santiago de Chile ocupa o primeiro lugar en número de visualizacións, seguida de cerca por Madrid, Cidade de México, Lima e Barcelona. En Europa encabezan a listaxe das cidades máis activas na canle da OSG Milán, París e Roma.

 

A OSG recupera o público a niveis previos á pandemia

A OSG cerrará os días 17 e 18 de xuño a súa temporada 22-23 logo de recuperar a asistencia de público aos niveis previos á pandemia do COVID19, con más de 45.000 espectadores nos seus concertos e máis de 20.000 escolares na súa programación didáctica Son Futuro, na que participaron 135 centros, dos que 63 eran da Coruña e 72 do resto da Comunidade Autónoma. SonFuturo, ademais, contou coa participación de 156 instrumentistas na súa Orquestra Nova, 83 na súa Orquestra Infantil, así como 25 e 33 voces no Coro Infantil e mais no Coro Novo, respectivamente.

 

Venda de abonos

A OSG anuncia tamén a posta á venda dos abonos para a súa nova temporada de concertos. A segunda quincena de xuño ponse en marcha a campaña de renovación e venda de abonos tanto para Amigos da OSG —do 15 de xuño ao 5 de xullo— como renovación e venda para abonados da OSG —do 3 ao 7 de xullo— e desde o 19 ao 28 de xuño para o público xeral.