Raúl Mirás, novo violonchelo principal da OSG

O coruñés e antigo membro da Orquestra Nova da OSG Raúl Mirás convértese no violonchelo principal da Sinfónica de Galicia logo de gañar o concurso convocado pola agrupación orquestral para cubrir a vacante que deixou libre o recentemente finado Davie Ethève.
Mirás, cunha ampla traxectoria musical nalgunhas das orquestras sinfónicas máis reputadas de Austria, Alemaña ou Suíza, formouse nas fileiras da Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia tras pasar polo Musikene de Donostia, onde rematou o grao profesional de violonchelo. Logo do seu paso pola ONSG, tocou na JONDE e mais na Gustav Mahler Jungendorchester.
Academicista da Orquestra da Radio e Berlín, pasou tamén pola Real Filharmonía de Galicia ata conseguir praza no Conservatorio de Zaragoza. Tamén foi mestre no Conservatorio Superior de Música de Aragón e, en 2018, conseguiu por oposición o posto de violonchelo solista da Orquestra Sinfónica de Tenerife.
Raúl Mirás, de 33 anos, naceu na parroquia de San Vicenzo de Elviña e comezou a súa aventura musical aos sete anos no Conservatorio das Pontes.