Máis de medio cento de concertos na temporada 30 da OSG

A Sinfónica de Galicia ofrecerá máis de medio cento de concertos na temporada do seu trinta aniversario e na que interpretará por primeira vez preto do corenta por cento do repertorio programado, no que figuran un total de 6 estreas absolutas, con catro versións orquestrais de J. Panula de cancións de Alma Mahler, Memoria del Ocre, de José María Sánchez Verdú, a Sinfonía nº 1 de Rogelio Groba, PangoliNN de Wladimir Rosinskij, así como a estrea en España de Gemini, de Esa Pekka Salonen e que se presentará en Madrid. A OSG, que na súa temporada trinta regresa ao Palacio da Ópera da Coruña, ofrecerá un total de 24 programas diferentes nos 35 concertos que terán lugar na súa sede coruñesa, e regresará á súa actividade habitual en Galicia cun total de 12 concertos en Ferrol, Vigo, Pontevedra e Ourense.

A novena temporada de concertos baixo a dirección musical de Dima Slobodeniouk trae, por primeira vez, a presenza da OSG na temporada de abono da Orquestra Nacional de España con tres concertos no Auditorio Nacional de Madrid, así como tamén o regreso a Oviedo cun concerto baixo a dirección de Juanjo Mena, un dos directores españois de maior proxección internacional. As entradas para os concertos de outubro estarán á venda desde o vindeiro martes, 21 de setembro, na web entradas.abanca.com así como no despacho de venda de billetes da praza de Ourense, de luns a xoves de 10 a 14 e de 15 a 18 horas e os venres de 10 a 15 horas agás festivos. Ademais, o mesmo día de cada concerto poñeranse á venda aquelas aínda dispoñibles no despacho de billetes do Palacio da Ópera de 11 a 14 horas e de 17 horas ata o inicio do concerto. Toda a información da nova tempada da OSG está dispoñible para descarga en pdf na ligazón Temporada 30.