A nova tempada da OSG estará marcada pola excelencia artística e o compromiso educativo

A programación inclúe 22 concertos de abono con figuras internacionais como Roberto González-Monjas, Javier Perianes ou Maximilian Hornung, e destaca con proxectos como Chorus ou a xira no Reino Unido Inés Rey salientou “o compromiso da Sinfónica coa cidade e coa formación das novas xeracións” durante o acto celebrado no Palacio da Ópera A Coruña, 2 de setembro de 2025.- A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu esta mañá no Palacio da Ópera a presentación da nova tempada de abono da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), que se desenvolverá entre outubro de 2025 e xuño de 2026. Acompañárona o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; e o xerente da OSG, Juan Antonio Cuéllar. Durante a súa intervención, a rexedora salientou que “a Sinfónica é unha institución estratéxica para a cidade, un motor cultural e un referente de excelencia que tamén contribúe á formación e ao acceso á cultura das novas xeracións”. “A aposta do Concello da Coruña pola cultura é firme, e a OSG é un dos mellores exemplos do potencial que temos como cidade creativa, innovadora e aberta ao mundo”, engadiu Rey, quen puxo en valor a colaboración entre administracións e a vontade de abrir novas vías de financiamento para garantir a sustentabilidade do proxecto a longo prazo.

Unha tempada diversa, con visión internacional e compromiso social A programación da tempada 25-26 inclúe 22 concertos de abono con figuras recoñecidas da dirección internacional como o director titular Roberto González-Monjas, o ex titular Dima Slobodeniouk, o director honorario Víctor Pablo Pérez e o asociado José Trigueros. Participarán tamén tres directoras convidadas de prestixio internacional —Ana María Patiño, Eva Ollikainen e Delyana Lazarova— e a nova concertino da OSG, a violinista vasca Olatz Ruiz de Gordejuela. Entre os solistas convidados destacan nomes de referencia como Javier Perianes, Alexandre Kantorow, Maximilian Hornung ou Thibaut García. Ademais, a OSG levará a cabo a súa primeira xira por Reino Unido, consolidando a proxección internacional da formación e reafirmando o papel da Coruña como referente cultural no exterior. A música como ferramenta de inclusión e futuro

No marco do compromiso co acceso á cultura e a formación musical, a OSG abrirá todos os seus ensaios xerais a estudantes de secundaria e conservatorios de toda Galicia. Ademais, programaranse espectáculos didácticos como Lúa, do compositor galego Fernando Briones, e recuperarase a dinámica dos tres encontros anuais da Orquestra Xove, que por primeira vez se celebrarán en diferentes localidades da comunidade. A tempada contará tamén coa participación da OSG no proxecto “Chorus”, impulsado pola Concellería de Educación do Concello da Coruña, un espectáculo coral que reunirá a todas as agrupacións infantís e xuvenís da OSG e a máis de 750 escolares de centros educativos da cidade.