González-Monjas amosa o seu aclamado perfil mozartiano coa OSG

O titular da Orquestra Sinfónica de Galicia, Roberto González-Monjas, amosará o seu aclamado perfil mozartiano, consolidado nos últimos anos á fronte da Mozarteumorchester Salzburg —coa que gravou a integral dos concertos para violín do compositor austríaco—, no concerto que ofrecerá mañá venres, 24 de outubro, no Palacio da Ópera da Coruña (20 h), á fronte da orquestra galega e actuando tamén como solista nos concertos para violín n.º 2 e 3 de Wolfgang Amadeus Mozart, de quen tamén se interpretará a súa Sinfonía n.º 41, «Xúpiter». Este mesmo programa preséntase hoxe xoves no Teatro Afundación de Vigo.

O programa abrirase con Ma mère l’oye, de Maurice Ravel, e continuará coa interpretación do Concerto para violín n.º 2 en re maior, K. 211, e do Concerto para violín n.º 3 en sol maior, K. 216, de Mozart, nos que González-Monjas intervirá no seu dobre papel de solista e director. O concerto pecharase coa Sinfonía n.º 41, «Xúpiter», a obra que coroa o corpus sinfónico do compositor de Salzburgo.

Ademais da súa labor á fronte da Orquestra Sinfónica de Galicia, da que é titular, González-Monjas é tamén director titular da Mozarteumorchester Salzburg desde 2024, unha formación considerada unha referencia internacional na interpretación da obra de Mozart.

Nos últimos anos, González-Monjas abordou en disco o repertorio mozartiano xunto coa Mozarteumorchester Salzburg para o selo Berlin Classics. O primeiro título desta serie, Mozart: Serenades (Serenatas n.º 6 «Serenata notturna» e n.º 4 «Colloredo»), foi incluído na Long List 4/2023 do Preis der deutschen Schallplattenkritik (German Record Critics’ Award). A serie continúa cun proxecto dedicado aos concertos para violín de Mozart, cuxa publicación integral está anunciada polo selo para o 23 de xaneiro de 2026.