Concierto solidario de Afundación e a OSG con Marina Heredia

Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta xunto coa Orquesta Sinfónica de Galicia un recital de potenciación do impulso social a través da cultura. Para iso, ambas as entidades, xunto co Banco de Alimentos, colaboran nun concerto no que se poderá gozar de pezas de Manuel de Falla e Federico García Lorca coa voz da cantaora Marina Heredia, a un prezo de dez euros cada entrada. Ademais, este evento, que terá lugar o 24 de febreiro e cuxas entradas se poden adquirir en Ataquilla.com, enmárcase no programa «Cultura por alimentos» dinamizado por Afundación e destinado a vincular a participación en actividades culturais coa solidariedade. Así, a Obra Social ABANCA, en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, co obxectivo de contribuír, a través de doazóns, a incrementar os recursos dos Bancos de Alimentos de Galicia, invita a todas as persoas que asistan ao concerto a que colaboren con esta campaña solidaria acudindo ao recital coa súa entrada e unha doazón de alimentos non perecedoiros que serán recollidos no propio auditorio.