Concello e Xunta homenaxean a Piazzolla cun concerto da OSG

A Orquestra Sinfónica de Galicia homenaxeará o compositor Astor Piazzolla polo seu centenario cun concerto que terá lugar o venres 30 de xullo ás 22 horas, na praza de María Pita. A colaboración do Concello da Coruña e a Xunta de Galicia fará posible este recital no marco dos actos de celebración do Xacobeo 21-22. Neste concerto, que ha de ser o primeiro da programación das Festas de María Pita, a formación ofreceralle ao público "Piazzola Sinfónico", un programa dirixido por Juan José García Caffi no que repasará o repertorio arxentino no centenario do seu nacemento. Despois dun ano no que a OSG completou a súa temporada de concertos no Coliseum, o grupo orquestral volverá á súa localización habitual no Palacio da Ópera, onde realizará os ensaios para o concerto deste venres. Este concerto ao aire libre na praza de María Pita responde a unha das demandas de coruñesas e coruñeses de poder gozar de novo da OSG e ao obxectivo do Goberno de Inés Rey de achegar a súa música a todos os públicos. As invitacións para este recital poderanse descargar desde hoxe ás 10h. na páxina corunacultura.sacatuentrada.es