A Sinfónica de Galicia emitirá en directo por YouTube os seus vindeiros proxectos

A Orquestra Sinfónica de Galicia emitirá en directo e a través da súa canle de Youtube todos os seus concertos programados e afectados polas novas restricións anunciadas onte luns pola Xunta de Galicia. As tres próximas emisións terán lugar os días 29 de xaneiro e 5 e 12 de febreiro, ás 20 h. e irán precedidas da emisión dunha programación especial –desde as 19.30 h.– con fragmentos dalgúns dos, concertos, entrevistas e reportaxes máis vistas dunha canle que conta xa con máis de cen mil subscritores de todo o mundo.

O día 29 de xaneiro a OSG ofrece un monográfico dedicado a Richard Wagner para o que contará coa presenza de Matthias Goerne, un dos grandes barítonos wagnerianos da nosa época, que cantará fragmentos de Tristán e Isolda, O holandés errante e A valquiria baixo a dirección de Josep Pons. Baixo a dirección de Karl- Heinz Steffens e coa presenza da vilonista Viviane Hagner a OSG volverá reencontrarse co seu público virtual o día 5 de febreiro, cun programa no que soará o Concerto para violín de Alban Berg e a Sinfonía nº 1 de Robert Schumann, mentres que o 12 de febreiro o contrabaixo principal da orquestra galega, Risto Vuolanne, interpretará a parte solista na estrea do Concerto para contrabaixo e orquestra, de Jukka Linkola.

O programa, dirixido por Dima Slobodeniouk, pecharase coa interpretación da Sinfonía nº 9, A Grande, de Schubert. As entradas vendidas para estes concertos deixan de ter validez. As devolución dos importes das devanditas entradas realizarase polo mesmo medio polo que foron adquiridas, e nos próximos días faranse públicos os prazos concretos de devolución.