A OSG lembra a John Aigi no seu inicio de tempada

A Sinfónica de Galicia inicia a súa tempada de concertos no Coliseum da Coruña coa Sinfonía nº 9 de Mahler en memoria de John Aigi, trompeta principal, finado en xullo. Baixo a dirección do seu titular Dima Slobodeniouk, a OSG presenta unha nova temporada de concertos adaptada ás restricións que impón a realidade do COVID-19.

A Sinfonía nº 9 de Mahler, autor favorito de John Aigi, foi a derradeira completada polo seu autor e é considerada como o tributo póstumo de Mahler cara á súa pequena filla Marie, finada de escarlatina con tan só catro anos, no verán de 1907. Na última aparición de John Aigi na canle de YouTube da OSG, poucas semanas antes do seu pasamento, o carismático trompeta principal da OSG falaba do seu autor fetiche, Gustav Mahler, despedíase da súa audiencia cunhas conmovedoras palabras nas que nos lembraba que aínda nos peores momentos das nosas vidas sempre hai unha luz de esperanza. Benquerido polos seus compañeiros e mais polas decenas e decenas de alumnos e alumnas que o consideraban coma un pai, a figura do xenial trompetista, profesor e amigo medra día a día nunha cidade coa que mantiña un permanente idilio desde a súa chegada a comezos dos anos noventa do século pasado.

Con Mahler e no Coliseum, a OSG inicia unha temporada de concertos nos que a distancia social e as medidas de seguridade se impoñen en escenario –construído ad hoc, xunto cunha nova cuncha acústica– e butacas. As dimensións do novo espazo permiten a presenza de numeroso público e a abordaxe de repertorio orquestral fora do alcance doutras orquestras sinfónicas.
Ademais da distancia social en escenario e butacas xunto con desinfección de espazos, presenza de xeles hidroalcohólicos, a OSG ofrecerá os seus programas de man desde a súa web unicamente en formato de libro electrónico ePub e Mobi, adaptable a todo tipo de dispositivos móbiles como teléfonos, tabletas e lectores de libros electrónicos, suprimindo deste xeito a distribución de material impreso.

Os primeiros catro concertos de temporada da OSG de outubro de 2020 xa están á venda na web http://coliseum.sacatuentrada.es, onde tamén é posible beneficiarse dun desconto do 10 por cento pola adquisición conxunta de localidades para os catro eventos, en https://coliseum.sacatuentrada.es/es/conjuntos/abono-4-concierto-viernes


Ademais, as entradas para os catro primeiros concertos da tempada pódense adquirir no despacho de billetes da praza de Ourense de luns a venres e no despacho de billetes do Coliseum da Coruña desde as 17h. do día de cada concerto.